

A zona de producción de leite apto para a elaboración de queixos ao abeiro da Denominación de Orixe Protexida “San Simón da Costa” está constituída pola área xeográfica que abrangue a comarca da Terra Chá, que se compón dos seguintes concellos, todos eles da provincia de Lugo: Vilalba, Muras, Xermade, Abadín, Guitiriz, Begonte, Castro de Rei, Cospeito e A Pastoriza.
Unha terra cunha longa tradición na fabricación de queixos, onde o sector lácteo supón unha parte importante na economía da zona. Un sector lácteo composto fundamentalmente por gando vacún autóctono, das razas Rubia Galega, Pardo-Alpina, Frisona; e dos diversos cruces destas que proporcionará ós queixos San Simón da Costa unha materia prima de grande calidade.
Aquí é onde nace o queixo San Simón da Costa, un queixo que aproveita ó máximo a calidade e a riqueza dos productos que ofrece esta comarca da provincia de Lugo.
As orixes do queixo “San Simón da Costa” remóntanse, segundo a lenda, aos pobos que durante a cultura castrexa se asentaron nas zonas próximas aos montes das serras da Carba e do Xistral.
A provincia de Lugo participa na exposición estatal, celebrada en 1857, na madrileña montaña de Príncipe Pío. Os empresarios lucenses concorren con corenta especies de produtos diversos, ademais de vinte e seis plantas medicinais e cincuenta e sete variedades de madeiras. Un artigo publicado no periódico La Aurora del Miño, no mes de setembro do dito ano, faise eco desta representación: “o trigo tremesiño, nabos, chícharos verdes, castañas verdes, que son un dos principais alimentos do labrador desta provincia, augardente e éter sulfúrico, extraídos do érbedo, manteiga perfectamente imitada á de Flandes, queixos de San Simón, liño, plantas medicinais…”
No 1892, o Concello de Vilalba aproba a conta da adquisición de dous queixos de San Simón -por un importe de 20 pesetas- para enviar para a Exposición de Chicago. Este dato aparece recollido no libro Villalba en el siglo XIX de D. Antonio Peña Novo.
Na “Exposición de Industrias Lácteas”, que se celebrou en Madrid en 1913, a Deputación de Lugo presentou un lote de queixos de San Simón. Cando o rei Afonso XIII visitou a dita exposición, ao ver o tamaño, forma e aspecto dos queixos de San Simón, interesouse por coñecer detalles da súa fabricación; de todo iso foi amplamente informado polo, naquel momento, inspector de Veterinaria de Lugo, Sr. Armendáriz.
No ano 1932, o periódico Faro Villalbés publicaba, no seu exemplar de 10 de agosto, un artigo asinado polo veterinario Rof Codina, no que fai unha descrición deste queixo e, entre outras cousas, sinala:
“No terceiro concurso nacional de gandos de Madrid, os queixos que máis chamaron a atención do público podente foron os queixos de San Simón que expuxo na sección de produtos lácteos a Deputación de Lugo. A Casa Lardy, ante o éxito, solicitou que se lle enviasen mil quilos mensuais (…)”
Na comarca de Vilalba, onde se fabrica o queixo de San Simón, como industria caseira existe en case todas as aldeas a de fabricación de zocas, calzado que se fai da madeira de bidueiro e esta é a causa do emprego das citadas labras para o afumado dos queixos (…) “.
O autor Carlos Compairé, no seu Estudio, tipificación y mejora de los quesos gallegos -do ano 1961- realiza unha exhaustiva análise do queixo San Simón:
“A forma destes queixos é típica e posiblemente exclusiva deles no mundo (…) É un queixo de aspecto brillante e cor escura debido ao afumado, que varía no seu grao dando tonalidades desde cor grosa a cor castaña. A cortiza é grosa e dura debido ao escaldado que sofre despois da súa fabricación e moldeo e á acción curtinte do afumado. O brillo é debido fundamentalmente ao escaldado e afinado manual(…)”.
Na publicación Villalba y su jurisdicción (1963), do autor Vicente Otero Cao, figura o apartado “Milenarias industrias villalbesas”, e baixo o epígrafe “los típicos quesos de San Simón”, cítase:
“Esta industria de artesanía vénse sucedendo desde varias xeracións, sen que ninguén poida precisar datas do seu comezo; o que si se pode dicir é que esta típica forma de queixo en pirámide é exclusiva desta parroquia chamada de San Simón de la Cuesta (da Costa)”.
No Inventario Español de Produtos Tradicionais, publicado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación no ano 1996, recóllese unha ampla descrición do queixo de San Simón:
“Queixo tradicional galego, de elaboración caseira e artesanal, que mantén intactas as pautas de elaboración ancestrais(…)A súa forma típica e o afumado son características claves para a súa identificación(…)”.
Actualmente o “Queixo San Simón da Costa” atravesa unha etapa de consolidación en novos mercados tanto en Europa como noutros continentes.
Lexislación:
- Orde de 16 de abril de 1991, recoñece a denominación PGC Queixo de San Simón.
- Orde de 7 de xullo de 1992, aproba o Regulamento do PGC Queixo de San Simón.
- Orde de 20 de abril de 1999, recoñece a DO Queixo de San Simón da Costa.
- Orde de 19 de novembro de 2004, pola que a Xunta de Galicia aproba o Regulamento da DOP San Simón da Costa.
- Orde de 17 de maio de 2005, pola que o Ministerio de Agricultura ratifica o Regulamento da DOP San Simón da Costa. ![]()
- Regulamento (CE) n.º1229/2008 de 10 de decembro, publica a inscrición no Rexistro das DOP europeas. ![]()
C.R.D.O.P. SAN SIMÓN DA COSTA
Plaza de la Constitución 13, 1º
C.P. 27800 Vilalba - Lugo (Galicia) España
Telf: +34 982 512 250
Fax: +34 982 512 850
